Poñemos en marcha unha escola de carreiras por montaña

Poucas cousas nos gustan máis que ver xente nova correndo polo monte. Pero a realidade é que non son moitos os rapaces e rapazas que se animan a practicar as carreiras por montaña. Xa hai tempo que no CDM Vértice tiñamos ganas de poñer o noso gran de area para reverter esta situación e agora a Federación Galega de Montañismo deunos a oportunidade. Somos responsables dunha das catro escolas que a FGM vai poñer en marcha este ano en Galicia, grazas a un convenio coa Xunta a través do programa Corresponsables, que promove o Ministerio de Igualdade. Na posta en marcha colaboran tamén os concellos de Vedra e Boqueixón.

Poremos en marcha a nosa escola ao pé do Pico Sacro, un cumio emblemático e de referencia na comarca, a só 15 minutos de Santiago de Compostela. A sede da escola será o pavillón de Lestedo (Boqueixón). A actividade é totalmente gratuíta. Arranca en maio e desenvolverase inicialmente ata novembro, descansando en agosto. O obxectivo do club é transformala nunha actividade permanente.

Está dirixida a nenos e nenas de 6 a 16 anos. As actividades serán martes e xoves: os nacidos/as entre 2015 e 2010 de 17:00 a 18:30, e os nacidos/as entre 2009 e 2006 de 18:30 a 20:00. É posible inscribirse para asistir os dous días ou só un día á semana.

A escola estará dirixida por Verónica Calvo Dopazo, actual seleccionadora galega de carreiras por montaña e directora do programa de tecnificación desta disciplina na FGM. Forma parte do noso club, o CDM Vértice. É licenciada en ciencias da actividade física e do deporte e mestra con especialidade de educación física, ademais de contar cun máster de nutrición. Conta con titulación de adestradora en diversas disciplinas deportivas e ten unha importante experiencia docente. A isto suma un nutrido currículo deportivo, centrado nos últimos anos nas carreiras por montaña.

Ela mesma explica en que consistirán as actividades da escola: “Será unha actividade orientada á diversión e o pracer de xogar. A través dos xogos os nenos e nenas aprenderán a técnica de carreiras por montaña, coñecerán os diversos terreos cos que se podemos atopar no monte, como aplicar a técnica de carreira a cada terreo… Practicarán xogos para mellorar a condición física e para coidar o medio ambiente”. Engade que “ademais introduciranse no mundo da orientación, coa lectura básica de mapas a través de buscas do tesouro. E xa por último adquirirán nocións básicas de nutrición”.

A inscrición xa está aberta a través do seguinte formulario.

No Comments

Post A Comment