Así foi a expedición vértice a Madeira

por Moisés Álvarez.

En 2020 no Club Vértice tiñamos un proxecto ilusionante: viaxar en equipo a Madeira para participar nunha das carreiras por montaña máis excitantes do panorama internacional. Como lle ocorreu a tantísima xente en todo o mundo, tivemos que aparcalo. E aínda que naquel ano e os seguintes se perderon cousas moito máis importantes, a nós quedounos a espiña cravada desa aventura interrumpida. Porque os soños son os que nos dan a vida!

Hai unhas semanas puidemos pechar esa paréntese de dous anos. Unha expedición de 26 vértices e compañía chegou á illa portuguesa de Madeira para participar nas diferentes modalidades da Ultra Skyrunning Madeira. Durante catro días empapámonos de montaña, de mar e de espírito deportivo. Vibramos cos percorridos da USM, alucinamos coa exhuberancia da illa e divertímonos moito. Que máis se pode pedir!

O que segue é unha pequena crónica que mestura o colectivo e o persoal: por unha banda, o que fixemos eses días e como nos foi nas diferentes carreiras; por outra, un bosquexo de como vivín eu a MSR, a proba raíña.

Entre o mércores 25 e o xoves 26 de maio os e as 26 vértices fomos chegando a Santana, a vila que acolle a Ultra Skyrunning Madeira. Nun concello pouco máis grande que Teo celébrase unha carreira de montaña de 55 km e 4121 m de desnivel positivo que transcorre entre o nivel do mar e os 1862 metros do Pico Ruivo, o teito da Madeira. Unha loucura que non era nova para a xente do vértice: Hugo, Fran, Luis, Carlos, Adrián… xa estiveran en ocasións anteriores e querían compartila cos demais.

Santana Vertical Kilometer

A Madeira Sky Race é a proba grande, encadrada no circuíto das Skyrunner World Series. Pero hai máis distancias. A primeira modalidade en disputarse foi o quilómetro vertical. Jose Marque e Toño Lagos atrevéronse o venres cos 1003 metros de desnivel positivo en 4,8 km que separaban o Vale da Lapa da Encumeada Alta (1785 m). Jose cubriunos en 1:00:39 (posto 30º) e Toño en 1:03:52 (posto 39). Un resultado estupendo nunha proba que gañou un tal Pere Aurell

Santana Sky Race

Dérono todo, e iso que ao día seguinte tiñan que enfrontarse aos 23 km e 1672 m+ da Santana Sky Race. Unha proba fermosa, que se achega na Achada do Teixeira ás montañas que dominan a illa, para logo baixar ata a meta a través do bosque de laurisilva, declarado pola Unesco patrimonio da humanidade.

 

Na SSR predominaron as cores branca e vermella da nosa equipación. Doce vértices tomaron a saída nesta proba. A nosa presenza fíxose notar e non só polo número. Os irmáns Fabeiro cumpriron coas nosas quinielas e ambos subiron ao podio. María fíxoo por partida dobre: foi a terceira mellor corredora e a primeira na categoría +50. E Jota (15º en meta) foi o terceiro corredor en +50. Arrebatoulle o posto no caixón a outro vértice, Roberto Brey, que rematou cuarto da categoría, 37º en meta.

A experiencia foi estupenda para todos e todas as que correron, cadaquén cos seus ritmos e obxectivos: Jose Marque (25º), Toño Lagos (36º), Marisa Lodeiro (7ª en +40), Juan Porto (7º en +50), Paula Paz (10ª en +40), Álvaro Fernández (42º en +40), Bea Lorenzo (11ª en +40), Raquel Salgueiro (12ª en +40) e Felipe Carbón (43º en +40). Aquí volveu gañar Pere Aurell entre os homes e Sara Rodrigues nas mulleres. Pero en alegría gañamos nós: antes de saír, durante a carreira e en meta!

Furão Sky Race

Tamén se correu o sábado 28 de maio a máis pequena das probas, que nos deixou un sabor agridoce. A Furão Sky Race é unha carreira de 10 km e 617 m+ que se achega desde Santana ao parque forestal das Queimadas, inicio dun dos percorridos máis famosos e fermosos da illa. Nela participou Patricia Tato, e fixo unha carreira estupenda. Tería subido ao segundo caixón do podio na categoría +50 se non fose porque un problema co equipamento obrigatorio da proba a levou a arrastrar unha penalización de dúas horas. Deunos moita rabia esa decisión… pero para nós Patri é triunfadora virtual da súa carreira. Bravo!

 

Madeira Sky Race

A máis longa das carreiras arrancou ás 6 da mañá do sábado. Fomos sete os vértices que nos enfrontamos á distancia: Benjamin Carter, Fran Taibo, Hugo Arias, Rafa Romero, José Luis Gómez, Alberto Martínez e mais eu. Desde o primeiro minuto comezou a subida cara a Achada do Teixeira. Para abrir o apetito, en algo máis de 8 km iamos subir máis de 1350 m+. Os nosos frontais iluminaban as pistas forestais que nos adentraban na néboa matinal. O ambiente era moi húmido e así sería durante toda a xornada. A mestura de lama e musgo facían que o terreo fose pouco fiable. Había que subir con tento, conscientes tamén de que estabamos só no primeiro asalto e non conviña desgastarse en exceso.

Pouco a pouco o día foi clarexando, ao mesmo tempo que o percorrido se complicaba. As pistas deron paso a carreiros e escaleiras cavadas na terra que serpenteaban entre as uces. Pouco despois de apagar os frontais comecei a escoitar os berros de alento de Adrián, Esme e Luisa. Cheguei a Achada do Teixeira, primeiro avituallamento. Por diante tiña a Alberto e Hugo, que ían a un ritmo moi bo. Por detrás viña o resto da expedición vértice, cada un controlando o seu ritmo para chegar frescos á parte final.

Nese punto alcanzamos o alto das montañas, podemos ver máis alá dos arbustos e o que atopamos é unha paisaxe maxestosa: a illa está cuberta por unha densa nube e nós estamos enriba! Os picos máis altos da Madeira sobresaen como se flotasen nun mar de algodón. É unha imaxe que non esqueceremos, ben seguro. Coa forza de estar no lugar e no momento perfectos, fun apretando para achegarme a Alberto e Hugo. A este alcanceino no cumio da Encumeada Alta, onde comezaba a primeira zona de cadeas. Hugo empezou a notar un baixón nese punto e reduciu o ritmo. O seguinte tramo da carreira era moi técnico: primeiro baixadas (ás veces por carreiros entre uces, ás veces polas escaleiras que cobren gran parte da illa), logo subidas, algunhas con cadeas e cordas, nas que se facía precisa a axuda constante das mans. Calquera ao que lle guste correr pola montaña gozaría aquí como un anano.

 

Ao inicio deste tramo alcancei a Alberto. Desde alí fixemos xuntos gran parte do que nos separaba da meta, progresando con respecto a outros corredores e corredoras. Xuntos culminamos o Pico Ruivo, km 13,5, teito da proba. E xuntos fixemos a longuísima baixada (con subidiñas escondidas) de 22 km ata o nivel do mar. Foi como pasar por moitos mundos en menos de tres horas: primeiro as montañas escarpadas, logo a paisaxe alucinante moldeada polo vento na rocha volcánica. Tocou despois mergullarnos de novo na néboa, con moito coidado de non caer polo esvaradío do terreo. Entramos no bosque de laurisilva, un reduto antiquísimo da antiga flora da illa e a través de levadas, carreiros, fervenzas, regatos e escaleiras infinitas atravesamos a freguesía de São Jorge para chegar ao Calhau, no nivel do mar.

Alí recibimos de novo o alento dos nosos para coller forzas para a seguinte subida: un zigzag de escaleiras no que ocorreu o que imaxinaba: non fun capaz de seguir o ritmo de Alberto, moito máis forte que eu nas subidas. Lástima perder a súa conversa! Volvémonos encontrar ao final da subida, no avituallamento de Quinta do Furão, porque el se perdeu e apareceu detrás miña. De alí saímos de novo xuntos, alentados polos ánimos de Vanesa, Inés e Puri. Como nas baixadas eu me adiantaba, acabei por chegar antes ao río de São Jorge. Polo seu leito irregular tiñamos que avanzar varios centos de metros, coa auga ás veces polos xeonllos. Saímos de alí a un tempo e iniciamos o último ascenso: uns 800 m+ en 6 km. Como era previsible, volvín perder de vista a Alberto, que bastoneaba con moita máis enerxía que eu.

Cheguei ao alto e encamiñeime á levada do Caldeirão Verde. É un tramo precioso, por unha levada construída nunha ladeira moi empinada. Sabía que estaría chea de sendeiristas e que nalgúns puntos sería difícil pasar. Pero foi divertido, porque me sentía con bastantes forzas e tiña outro corredor botándome o alento na caluga. Quizais por iso xa non parei no último avituallamento, Queimadas. Alí tiñamos de novo o equipo vértice animando e só faltaban 5 km de baixada, polo que tocaba botar o resto ata meta. Nese punto sabía que podía baixar das 8 horas, o que non estaba mal pensando que a miña idea inicial era baixar das 10.

Con ese aliciente corrín ata chegar a Santana. A pesar das últimas ramplas-trampa xa na vila, conseguín o meu obxectivo. Parei o crono con algo máis dun minuto de marxe sobre as 8 horas. Fun 25º en meta, 4º da categoría +40. Alberto fixo un magnífico 23º posto que o levou ao podio como 3º da categoría +40. E aínda tivemos na 6ª praza da mesma categoría a Rafa Romero, que chegou pouco despois que eu.

Alí na meta fomos recibindo aos vértices que quedaban en carreira: José Luis baixou das 9 horas e foi 4º na categoría +50. Hugo foi 21º senior, Ben 26º +40 e Fran 29º senior. Pero máis aló dos resultados, quedounos a satisfacción inmensa de vivir unha carreira intensa, técnica, divertida, por paisaxes espectaculares e rodeados da nosa xente.

Por se a alguén lle interesa, o gañador masculino foi o eslovaco Peter Frano, seguido polo sueco Sebastian Ljungdahl. Nas mulleres o triunfo foi para Virginia Pérez Mesonero, seguida de Anna Ongaro. Nós brindamos por eles, por elas e por todos nós coa poncha que nos serviron no Santana in Nature, o noso centro de operacións (e tamén de varios dos triunfadores da fin de semana), mentres algúns se mordían as uñas pola final da Champions.

A viaxe rematou. A experiencia foi plena. Haberá que ir pensando noutra!

*As fotos son do noso Adrián Núñez e tamén de Alexander Vasev, João M. Faria, Diogo Abreu e Benjamin Carter.

No Comments

Post A Comment