Escola de carreiras por montaña

Prazas dispoñibles para nen@s nacid@s entre 2008 e 2018.

A Escola Vértice de carreiras por montaña é unha iniciativa do CDM Vértice co apoio do Concello de Vedra e o Concello de Boqueixón.

 

A tempada 2024 desenvolverase na sede de Vedra-Boqueixón (Pavillón de Lestedo e arredores). A inscrición ten un custe de 30 € ao trimestre, con descontos para segundos/as irmáns/ás.

 

En que consiste?

 

É unha actividade orientada á diversión e o pracer de xogar. A través dos xogos os nenos e nenas aprenderán a técnica de carreiras por montaña, coñecerán os diversos terreos cos que se podemos atopar no monte, como aplicar a técnica de carreira a cada terreo… Practicarán xogos para mellorar a condición física e para coidar o medio ambiente.

 

Ademais introduciranse no mundo da orientación, coa lectura básica de mapas a través de buscas do tesouro. E xa por último adquirirán nocións básicas de nutrición.

A quen se dirixe?

 

A escola quere iniciar nas carreiras por montaña a nenos e nenas de 6 a 16 anos co obxectivo de achegalos a un deporte distinto no que concorren técnica e velocidade e no que priman valores como o compañeirismo e o respecto pola natureza.

Onde?

 

A escola ten como sede o Pavillón Polideportivo de Lestedo, situado ao pé do Pico Sacro (Boqueixón). Sempre que o tempo o permite, a actividade desenvólvese no exterior, nos camiños e montes dos arredores. Puntualmente, quedamos noutros lugares de Vedra e Boqueixón para que os nenos e nenas coñezan outros terreos e paisaxes.

Cando?

Todos os xoves, en dúas quendas:

  • Nacidos/as entre 2018 e 2013: de 16:30 a a 18:00 h
  • Nacidos/as entre 2012 e 2008: de 18:00 a 19:30 h.

A adestradora

 

Verónica Calvo Dopazo

A escola está dirixida por Verónica Calvo Dopazo. É a actual seleccionadora galega de carreiras por montaña e directora do programa de tecnificación desta disciplina na FGM. Forma parte do noso club, o CDM Vértice.

 

Verónica é licenciada en ciencias da actividade física e do deporte e mestra con especialidade de educación física, ademais de contar cun máster de nutrición. Conta con titulacións en diversas disciplinas deportivas, como a de adestradora nacional de triatlón e natación ou adestradora de voleibol. Ten unha importante experiencia docente e está acostumada a traballar con nenos e nenas.

 

A todo isto suma o seu currículo deportivo, centrada nos últimos anos nas carreiras por montaña, disciplina na que logrou importantes éxitos, como o seu 2º posto na Copa Galega de carreiras por montaña e 2º no Desafío Galaico, ambos en 2019 (ano no que foi convocada coa selección galega) e as súas vitorias no trail da Cidá e no trail de San Isidro na tempada 2020/2021.

Inscrición na escola